Traductor

domingo, 8 de febreiro de 2009

HISTORIA DAS BANDAS DE MÚSICA

Unha das primeiras ligazóns que incorporei a ista bitácora foi a da Federación Galega de Bandas de Música . Recoñezo que naquel intre, ista federación, ofrecía unha páxina web pouco atractiva, pero dende aquela trocaron o estilo de presentación e contidos da mesma de xeito que resulta algo máis interesante a súa visita.
Un dos seus apartados esta adicado á historia das bandas de música, e de seguido espóñovos eiquí o que alí podedes leer de primeira liña:


HISTORIA DAS BANDAS


É moi probable que se lle preguntásemos á xente que é unha Banda de Música, as respostas se aproximasen bastante á realidade. Con carácter xeral hai un coñecemento bastante preciso do que é unha banda de música, pero na actualidade denominacións como Banda Sinfónica, Banda-Orquesta, Banda Filarmónica, etc. contribuíron a crear certa confusión.
En realidade a utilización de instrumentos de vento - metal e madeira - e de percusión, que como é sabido son os que integran as bandas, é antiquisima e algúns perviven aínda na súa forma orixinal en pobos moi primitivos, aínda que logo evolucionasen converténdose nos que todos coñecemos. Esta costume foi pronto vinculada con prácticas relixiosas e bélicas, e tanto nun caso como no outro duran hoxe en día.
Grandes monarcas - Luís XIV e máis adiante Federico de Prusia - concederon gran importancia á música militar. A música, repetitiva e de ritmo ben marcado, servía para subir o ánimo dos soldados no combate, e tamén - o que é moi importante - axudaba á consecución da uniformidade co mantemento do paso na tropa.
No século XIX a incorporación dos clarinetes e dos saxofóns nas bandas militares deulle a súa dimensión actual.

As bandas civís.
As bandas civís fan a súa aparición a comezos do ano 1800. É evidente que nacen a imitación das militares posto que a disposición instrumental é a mesma e os músicos gardan uniformidade no desfile e na vestimenta. Pero tamén teñen as súas diferencias, posto que a súa función non ten nada que ver coa guerra, e por outra parte xorde dos movementos asociacionistas que traen os novos pensamentos liberais daquel entón, e deixan dende aquel momento de pertencer exclusivamente a certos estamentos como poden ser a alta burguesía, a nobreza, os mandos militares ou o clero. Eran as Bandas de Música Populares.
Hoxe parécenos do máis normal o que estamos a vivir coa música, pero por aquel entón foi unha conquista máis no dificil camiño que se percorreu para achegar as liberdades ó pobo.

É así como a música culta se extende e chega ata o pobo, deixando de ser privilexio duns poucos, podendo entendela e practicala todo o mundo, feito que agradaba moito ás autoridade liberais que gobernaban naquel momento, que fomentanban e apoiaban estas iniciativas por se tratar dun movemento asociacionista liberal e pacífico que indudablemente desenvolvía a intelixencia e a sensibilidade do pobo.
Estas asociacións, para reflexar a agrupación de cidadáns realizando actividades comúns, atópase íntimamente relacionada coa liberdade de asociación e polo tanto os nomes de moitas bandas de música recollen esa idea con termos como "Unión", "Unión Musical", "Unión Artística" e moitos outros que se extenderon por toda Galiza.
Así, no campo da música, a finais do século XIX aparecen en moitos lugares de Europa, e en particular en España as asociacións de instrumentistas - as bandas populares - e as de cantantes - corais e orfeóns - moitas delas constituidas por xente non profesional e outras por semi-profesionais, pero en calquera caso o fenómeno extendeuse por todo o estado alcanzando cotas importantes en Cataluña e no País Vasco (orfeóns e corais), e no Levante español - principalmente Valencia - as bandas de música. En Galiza déronse simultaneamente os dous fenómenos, pero con menor importancia.

Ningún comentario: